A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou na tarde de onte no pleno do Parlamento que a Xunta fará todo o posible para que os representantes da frota do cerco acorden o reparto de cota que mellor se axuste ao seu modelo de pesca.
Neste sentido referiuse ao modelo de reparto por número de tripulantes que solicita parte do sector e advertiu que, de adoptalo, “Galicia non sairía tan ben parada como algúns están a transmitir á opinión pública”, xa que “perderíamos máis da metade de xurelo na zona IXa (a que vai de Fisterra cara ao sur), pois teríamos que repartir a cota con Andalucía e as comunidades do Cantábrico”.
Así, explicou, “pasaríamos de ter o 98% da cota a ter o 34% na zona onde máis pescamos nos anos pasados e onde acumulamos dous terzos da cota total de xurelo que ten Galicia”. A isto habería que sumar, engadiu, “que hai barcos na nosa frota que non terían porte para pescar en zonas máis afastadas coma a VIIIb (golfo de Biscaia)”.
Ademais lembrou que de realizar o reparto por número de tripulantes, “Galicia perdería case cun 20% das nosas posibilidades de pesca do cerco galego no seu conxunto e cremos que un Goberno galego serio e responsable non pode prexudicar a Galicia”, sentenciou.
https://www.youtube.com/watch?v=FNQeCA4ypY8