O presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, convocou este mediodía aos partidos políticos galegos para abordar a
convocatoria electoral, tras coñecer os informes dos expertos que sitúan o principio do verán
como o momento máis seguro. “Acabo de remitir estes informes aos partidos políticos para que
poidan avalialos e convócoos a unha reunión mañá para escoitar a súas opinións e reflexións.
A partir da opinión dos expertos -e tamén escoitarei a opinión dos partidos políticos-, tomarei a
decisión que creo sexa a máis responsable”, abundou.
Despois de que a pandemia obrigase a suspender o proceso electoral previsto para o 5 de
abril, e co compromiso de activalo de novo “no prazo máis breve posible”, Feijóo trasladou hoxe
o contido dos informes sanitarios -informe da área de Saúde Pública da Xunta, do presidente
da Sociedade Galega de Medicina Intensiva, do presidente da Sociedade de Urxencias e
Emerxencias de Galicia e do xefe de enfermidades infecciosas do CHUAC- e do informe da
Asesoría Xurídica da Xunta, encamiñados a orientar unha decisión “que non é, en ningún caso,
sinxela”.
Así, desde o punto de vista sanitario, e sempre que se manteñan as previsións, o presidente da
Xunta trasladou que os expertos coinciden en que o momento que pode ofrecer menos
incertezas para poder votar é o principio do verán, sendo a seguridade sanitaria maior canto
antes se celebren os comicios. Pola contra, as incertezas increméntanse canto máis avance o
ano, restando garantías para que se poida celebrar un proceso electoral en condicións
sanitarias axeitadas.
Sobre este último punto, explicou, entre outros aspectos, que os meses de maior recepción de
visitantes na Comunidade son xullo e agosto, “o que pode expoñernos a máis contaxios
importados”; as condicións meteorolóxicas do verán -temperaturas maiores, raios ultravioleta-
poderían contribuír a reducir o impacto do virus; “e os modelos epidemiolóxicos non descartan
un novo pico da enfermidade con máis probabilidade despois do verán”, engadiu.
O responsable do Executivo galego resaltou que o informe xurídico subliña que se dan as
condicións xurídicas para a convocatoria e celebración dunhas novas eleccións, considerando
que se se estima que as condicións poden ser peores no outono, o prudente e correcto é
proceder a unha nova convocatoria á maior brevidade, para non poñer en perigo o dereito
fundamental do sufraxio activo e pasivo.