A Consellería de Educación, Universidade e
Formación Profesional acaba de publicar na plataforma de Contratos de Galicia a licitación
da obra de rehabilitación integral do CEIP Ramón de Artaza y Malvárez (Muros ), por un
importe total de 892.379,99 €. Está previsto executar os traballos de interior en verán e
compatibilizar o remate dos de exterior coa actividade docente. As obras teñen un prazo de
execución de 3 meses e son susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de
Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-
2020.
As actuacións contemplan unha parte programada de xeito específico para a mellora da
eficiencia enerxética do centro, a través do illamento polo exterior mediante sistema SATE,
realizado con placas de illamento térmico de poliestireno expandido EPS, e sobre falso teito
con paneis de la de roca na sala de audiovisuais e no comedor. Ademais cambiarase a
cuberta por unha nova de panel sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de
espuma de poliuretano no edificio principal, na sala de audiovisuais e no comedor, e
colocaranse novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro
dobre baixo emisivo. Tamén se substituirán as caixas de persianas e as persianas que se
considere necesario por outras de aluminio con illamento térmico interior; e instalaranse
novas luminarias con tecnoloxía LED, equipos de regulación e detectores de presenza en
zonas comúns e aseos.
Por outra parte o programa de necesidades inclúe a reparación e pintado dos paramentos
interiores, o pulido e abrillantado do pavimento de terrazo e a renovación dos falsos teitos
das aulas da planta segunda e colocación de falsos teitos novos no resto de aulas e espazos
docentes.
A maiores está prevista a reforma da antiga casa do conserxe para ampliación do comedor,
con incorporación de aseo.

