A conselleira do Mar, Rosa Quintana, valorou positivamente o achegamento entre os distintos representantes das diferentes agrupacións de toda a frota galega do cerco para acadar un acordo sobre o reparto de cota. A titular de pesca destacou tras a xuntanza que hoxe mantivo con eles que se produciu un cambio de vontade das partes e que “hai un achegamento claro” para acadar un posicionamento común de Galicia que poida dar lugar a un incremento mínimo para aqueles barcos que non dispoñen de cota sempre que sexa refrendado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
Rosa Quintana explicou que, como mediadora para promover un acordo común entre o cerco de Galicia, a Xunta volveu poñer enriba da mesa ao sector unha proposta de reparto de cota “que xa fora presentada hai dous anos e que naquel momento non foi admitida polos representantes do sector” subliñou a titular de Mar.
O obxectivo desta proposta, especificou, é resolver a situación daqueles barcos que non teñan posibilidades de pesca ao carecer de dereitos históricos como consecuencia, por exemplo de levar certo tempo amarrados. O que se pretende é “que cada barco teña un mínimo de posibilidades de pesca aplicado ás porcentaxes de criterio de reparto do que se acade cada ano nos Consellos de Ministros de Pesca da Unión Europea”, detallou a titular de Mar.
https://www.youtube.com/watch?v=d3tOYA_9wWg