A situación do libre marisqueo preocupa ao patrón maior da Cofradía da Pobra que non ve futuro á campaña despois do Nadal e que cre na necesidade de parar temporalmente o traballo da flota. Foi precisamente o luns, na reunión que os diferentes patróns mantiveron en Carril, cando se puxeron de acordo en enviar unha convocatoria á Consellería para acordar o que se fará a partir do mes de xaneiro.
Juan Miguel Iglesias asegura que se trata dunha mala época para o libre que se traduce en cifras e afirma que esta é unha campaña curta e que os topes son os máis baixos de toda a historia.
Tan só 30 mariñeiros desta cofradía poden vivir da campaña, collen os topes con dificultade e para isto necesitan toda a mañá.
O único que lles permite defenderse polo de agora é o reló.
A división do libre en parcelas segue a ser o seu cabalo de loita. Unha petición da maior parte dos patróns da ría que a consellería pasa por alto.
Non di o mesmo a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, que explica que desde o 1 de outubro ata o 13 de novembro extraéronse dos bancos de libre marisqueo de Arousa preto de 9.000 quilos de ameixa fina, máis de 7.700 de ameixa xaponesa, máis de 63.500 de ameixa babosa, preto de 29.000 de ameixa rubia e máis de 31.500 de reló. Esta extracción supúxolle aos mariscadores uns ingresos medios diarios de 104 euros por embarcación.
A directora xeral tamén fai fincapé nos traballos de rexeneración realizados polas embarcacións que participan na recuperación de zonas mediante traslados de reló de tamaño superior a 35 mm. Neste sentido traslada que se resembraron máis de 240.000 quilos deste bivalvo.