A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, visitou este mediodía en Ribeira o cocedoiro de mexillón Barrañamar. Alí, a titular de Mar destacou que no ano 2014 a comarca do Barbanza produciu un 25% do mexillón de Galicia, é dicir, das máis de 235.000 toneladas de mexillón descargadas nas lonxas galegas no 2014, na comarca do Barbanza descargáronse máis de 58.000 toneladas.
En canto á facturación, a produción mexilloeira do Barbanza supuxo un valor superior aos 25 millóns de euros e a de Galicia acadou un valor próximo aos 100 millóns de euros. Este peso do sector miticultor, dixo Rosa Quintana, fai que teña a consideración de eido estratéxico da nosa produción primaria. De feito, a produción de mexillón en Galicia representa o 95% do total do volume da acuicultura galega.
Barrañamar constituíse no 2001 e ofrece mexillóns cocidos e conxelados das rías galegas e tamén mexillón media cuncha. Este ano, o cocedoiro Barrañamar recibiu para a súa actividade máis de 7.600 toneladas de mexillón.