Rematado o prazo de presentación de ofertas, foron quince o número de propostas presentadas á licitación dunha actuación consistente na implantación dunha senda peonil de 443 metros de longo e 2,5 de ancho entre Punta do Laño e o Peirao Fenicio —ambos emprazamentos situados na parroquia de Aguiño— que enlazará co camiño de 2.500 metros existente entre este último punto e Couso.
Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro da EDUSI Máis Riveira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Adscríbese a liña de actuación deste plan denominada Posta en Valor do Patrimonio Cultural e Natural e Turístico dentro do Obxectivo Temático 6 (Conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos).O orzamento da intervención ascende a 74.614,76€ e o seu prazo de execución son cinco meses.
