“Para lograr unha pesca responsable é imprescindible conxugar os intereses de todas as partes implicadas nas actividades pesqueiras”. Así o destacou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, na inauguración das xornadas sobre “A gobernanza marítima europea. Retos formulados pola reforma da PCP”, celebrada esta mañá en Santiago.
O director xeral sinalou que a procura dunha pesca responsable e sustentable pasa pola corresponsabilidade na xestión que implica a participación activa das administracións, do sector, dos científicos e das organizacións ambientais, “remando todos na mesma dirección”, dixo, e sempre atendendo á dimensión social, económica e ambiental.
Maneiro eloxiou a celebración destas xornadas nas que se debaterán aspectos como a sustentabilidade dos mares, a protección dos ecosistemas mariños, a pesca responsable, a dimensión exterior da UE en materia pesqueira e o futuro do sector pesqueiro galego. Catro chaves, reiterou, nas que desde Galicia se fixo fincapé no transcurso das negociacións levadas a cabo entre os Estados Membro para a aprobación do documento final que rexerá os designios da pesca, do marisqueo e da acuicultura nos vindeiros 5 anos.