O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que o Plan de gasificación de Galicia 2015-2020 repercute sobre tres ámbitos prioritarios para o Goberno galego: o económico, o medioambiental e o do benestar. Segundo remarcou, este acordo permitirá que en 2020 oito de cada dez galegos e un total de 63 polígonos industriais da Comunidade teñan xa acceso ao gas natural.
O mandatario galego, xunto ao presidente de Gas Natural Fenosa, Salvador Gabarró, presentou hoxe este plan de actuación que recolle un investimento de 195 millóns de euros para estender a rede de gas natural en 44 novos municipios e 20 polígonos industriais. E que, ademais, prevé potenciar o uso do gas natural comprimido (GNC) no transporte. Isto, dixo, posibilitará que en 2020 113 concellos, un 64% máis, e 1,3 millóns de vivendas en Galicia dispoñan deste servizo.
Feijóo asegurou que desde o punto de vista económico, mellorar o acceso ao gas natural na Comunidade significa aumentar a competitividade das empresas e da industria porque a súa utilización require dun nivel moi baixo de investimento, ofrece un alto rendemento e permite obter procesos con elevada eficiencia enerxética. Desde o punto de vista medioambiental, engadiu, trátase dun combustible menos contaminante cuxa rede de abastecemento contribuirá á vertebración do territorio galego.
https://www.youtube.com/watch?v=65rv5vPatZw