Ven de presentarse no Salón de Plenos do Concello un Curso de Monitor de Fútbol Base, organizado pola Escola Galega de Adestradores e a Federación Galega de Fútbol, en colaboración co Centro Cultural Deportivo Taragoña.
O curso celebrarase neste Centro Cultural no Campo de Fútbol Municipal de A Lomba (Taragoña), a partir do 9 de novembro.
Os participantes completarán unha formación de 65 horas en técnica, táctica, metodoloxía, regulamento, psicoloxía… que iniciarán aos alumnos no adestramento deportivo dirixido ás categorías de base. As sesións serán impartidas por adestradores de Nivel III da comarca e coordinadas por Iago Iglesias.
Precísanse un mínimo de 15 inscricións para poder levar adiante o curso, que ten un custe de 150 € e esta aberto a participantes de toda a comarca.
Na súa intervención, Adolfo Muíños agradeceu ao C.C.D. Taragoña a súa mediación ante a FGF para que este curso puidera celebrarse en Rianxo.