O BNG esixe ao CONCELLO DA POBRA o arranxo integral da rúa 2 da RIBEIRIÑA

O concelleiro do BNG-AA, Xosé Manuel Casal vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno do próximo 29 de outubro reclamando unha actuación integral na Rúa 2 da Ribeiriña, parte norte das dúas aínda existentes do trazado orixinal do Camiño Real no concello, discorrendo entre a estrada AC-305 e o bordo litoral, que sofre e soporta o abandono de décadas.
Xosé Manuel Casal destacou que as características naturais e paisaxísticas fan desta zona un espazo singular dentro do municipio.
A proposta do BNG-AA comeza por incluír nos orzamentos para 2016 a partida necesaria para acometer unha actuación integral no tramo sur da Rúa 2 da Ribeirña que contemple o asfaltado e a dotación de beirarrúas, coas obras necesarias para presentes e futuras acometidas subterráneas de subministracións, así como a dotación de iluminación e mobiliario urbano, sinalización horizontal e vertical e a reorganización do tráfico.
O concelleiro do BNG incidiu en que o concello da Pobra ten unha débeda histórica con esta zona do Concello , polo que dita proposta considera tamén necesario desenvolver unha actuación semellante no resto do trazado desa rúa nas anualidades posteriores, así como acometer as obras de mantemento e reposición nos tramos do Conchido que conta xa cun paseo urbanizado.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.