A conselleira de Política Social, Fabiola García, puxo en valor o traballo da Asociación A Misela no aumento da autonomía das persoas con discapacidade durante os seus 25 anos de historia. Así o manifestou durante unha visita realizada esta mañá ao centro afincado en Noia.
Fabiola García destacou a importancia de que as administracións traballen da man das entidades sociais para ofrecer a mellor atención ás persoas que máis o necesitan. Neste sentido, informou de que o Goberno galego financiou oito novas prazas públicas no centro de día, que se suman ás sete que xa existían no centro ocupacional.
Con este incremento, a asociación conta cun total de 15 prazas públicas para a asistencia das persoas con discapacidade, tanto na atención temperá, como na atención diúrna e no desenvolvemento da súa autonomía, cun centro ocupacional que mellora as súas competencias laborais. Un labor que vén realizando durante as dúas últimas décadas converténdose nun referente para a comarca.
Fabiola García destacou o compromiso da asociación A Misela no aumento da autonomía das persoas con discapacidade


