En Galicia córtase, en números redondos, a metade da madeira que se produce en España e cada ano máis de 50.000 propietarios e silvicultores obteñen na nosa Comunidade arredor de 250 millóns de euros só polas vendas de máis de 7 millóns de metros cúbicos de madeira.
Así o destacou esta tarde a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, no acto de presentación da Sociedade de Montes Sostibles de Cuns ‘SOMOSCuns’, que tivo lugar no concello coruñés de Outes e no que estivo acompañada polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, e polo alcalde de Outes, Carlos López, entre outras autoridades.
A conselleira salientou a vocación forestal de Galicia, lembrando que dos 3 millóns de hectáreas que ocupa a nosa Comunidade, 2 millóns son consideradas forestais e delas 1,4 millóns están arboradas.
