Arredor de 1300 alumnos dos diferentes centros educativos da Pobra do Caramiñal desenvolverán un proxecto conxunto de sensibilización para mellorar a recollida de lixo.
Durante este mes de outubro e o vindeiro mes de novembro levarase a cabo a redación do proxecto no que se vai traballar ata final de curso.
A concellería de cultura da Pobra promove este proxecto que vai ser financiado grazas a unha subvención de 2000 euros de Urbaser, a empresa que xestiona a recollida de lixo neste municipio.
Segundo os datos aportados pola empresa ao Concello, a Pobra sitúase na actualidade como un dos municipios coa porcentaxe máis elevada de residuos impropios nos colectores.
Entre os centros que van participar encóntrase o IES da Pobra, Salustiano rey Eiras, Pilar Maestu Sierra, o Fernandez Varela, os Unitarios Vilariño, Angustia e a Granxa e a Escola Infantil Montecarmelo.