O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, reuniuse en San Caetano co alcalde do concello de Outes, Manuel González, para analizar a situación actual das infraestruturas rurais deste municipio e coñecer de primeira man as demandas e necesidades dos veciños relacionadas co agro. Neste sentido, ambos dirixentes analizaron a posibilidade de emprender novos proxectos de mobilización de terras co fin de dotar ás explotacións agrogandeiras da zona de terreos para traballar.
Durante o encontro, o director xeral trasladoulle que coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que se presentará no Parlamento este ano, haberá novos instrumentos para mobilizar terreos que serán áxiles e rápidos como poden ser os polígonos agrarios e a xestión conxunta.