O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, reclamou esta mañá no Parlamento de Galicia que se “preserve e protexa a zona de pesca da flota galega nos caladoiros da NAFO” no Atlántico Norte que está a verse afectada polas prospeccións petrolíferas autorizadas por Canadá.
O Grupo Popular esixiu que se garanta e non se impida, en ningún caso, a actividade pesqueira que a nosa flota desenvolve nesas augas, a diferenza do que ten acontecido ata o de agora, cando embarcacións pesqueiras galegas tiveron que abandonar a zona pola realización das sondaxes en busca de hidrocarburos.
As forzas políticas galegas coinciden na necesidade de garantir a actividade da nosa flota nas augas da NAFO e, por iso, o Grupo Popular transaccionou un acordo co BNG, que contou co apoio unánime de todas as forzas políticas, dirixido precisamente a este obxectivo.