O curso “RECUPERANDO O MONTE” inaugurará a aula de TOXOSOUTOS, sede da UNED-SENIOR EN LOUSAME

A Aula de Toxosoutos, sede da UNED-Senior da Coruña en Lousame, botará a andar a finais deste mes de outubro co seu primeiro curso formativo: “Recuperando o monte”. Un curso regrado e aprobado pola UNED e que está dirixido a maiores de 55 anos, que poderán inscribirse ata o 24 de outubro.

«Recuperando o Monte» abordará como o monte segue a constituír un espazo produtivo no que aproveitar recursos tan diversos e necesarios para a sociedade como a madeira, alimentos diversos, remedios para a saúde, adubos para as terras ou enerxía para as casas.

As clases terán lugar no albergue de Toxosoutos ao longo de 15 semanas, entre os meses de outubro a febreiro (con receso no Nadal). O horario será os martes, de 16:00 a 18:00 horas, e os sábados, en horario a acordar co alumnado e momento no que se farán visitas a montes e empresas relacionadas co curso.

Todos os alumnos que superen este curso recibirán un Certificado de Participación e tres créditos. No caso de superar dez materias, é dicir, de conseguir 30 créditos, o alumno recibirá un Diploma no que se especificarán as materias e contidos cursados. Ademais, se o alumno o completa coa realización dun traballo final, conseguirá o título de “Sénior Superior”, propio da UNED.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.