Ramiro Ouviña manifestou a preocupación do grupo municipal do BNG-AA ante a importancia dos retos inmediatos que ten o concello: os plans da Deputación e os orzamentos para o ano 2016.
O portavoz do BNG-AA sinalou que no transcurso desta semana a Deputación de A Coruña vai debater e previsiblemente aprobar dous plans de gran importancia: o Plan de Obras e Servizos (POS) e o Plan de Acción Social (PAS). Unha vez aprobados, os concellos poderán presentar os seus proxectos entre o 20 de outubro e o 18 de decembro, o que practicamente obriga a definilos no pleno do mes en curso.
Ramiro Ouviña sinalou tamén que é lóxico pensar que no cuarto trimestre do ano se preparen os orzamentos municipais para 2016, proxecto de importancia capital na vida do concello.
Apuntou o portavoz do BNG que estas actuacións vanse levar a cabo nunha situación sen maiorías absolutas e na que o goberno municipal conta con só catro concelleiros dos trece que forman a corporación.
Polo exposto, o BNG-AA considera necesario facer unha chamada á responsabilidade do grupo de goberno e do resto das formacións políticas co fin de estabelecer os contactos necesarios que permitan a selección dos mellores proxectos para o noso concello e a súa xente, e a redacción duns orzamentos consensuados que sirvan para o despegue social e económico da Pobra do Caramiñal
O BNG-AA da Pobra do Caramiñal chama á responsabilidade do goberno municipal e dos partidos presentes na corporación para consensuar os plans da Deputación e os orzamentos municipais para 2016.
Please login to join discussion