O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda comprobou hoxe in situ o bo ritmo das obras de rehabilitación da Fábrica de Tabacos coma futura sede xudicial, nas que se está adaptando este histórico inmoble para convertelo nun edificio xudicial, modelo en toda Galicia e toda España.
O novo edificio vai albergar a Audiencia Provincial, Fiscalía, Xulgados de Menores e Vixilancia Penitenciaria. Conta cunha planta soto, dedicada a vestiarios, celas e salas de instalacións. Na planta baixa estarán situadas as cinco salas de audiencia, ás que se accede polos dous amplos patios cubertos dianteiros, un xulgado de Vixilancia Penitenciaria, un xulgado de menores co seu equipo de apoio, Colexio de Procuradores, Colexio de Avogados, despachos de psicólogos, traballadores sociais e médicos.
Rueda lembrou o importante investimento, de máis de 15 millóns de euros, que incrementa nun 70 por cento a superficie das unidades xudiciais actuais, resolvendo os problemas de espazo para os vindeiros vinte anos, con 12.000 novos metros cadrados; dimensionado e adaptado ás necesidades da cidade. O edificio estará rematado ao longo do vindeiro verán.
https://www.youtube.com/watch?v=U7Qx7eYlK-c