O Concello de Lousame porá en marcha a mediados do mes de setembro un Curso de Avicultura e Posta Ecolóxica. Esta acción formativa, que se encadra dentro do Programa de Fomento do Autoemprego das Mulleres, é de carácter gratuíto.
As inscricións deberán formalizarse nas oficinas da Concellaría de Igualdade de Lousame antes do próximo luns 14 de setembro. “Tras completar as prazas ofertadas, convocarase ás persoas inscritas a unha reunión onde se acordarán as datas e horarios das sesións coa intención de ofertar a maior flexibilidade posible para que as mulleres interesadas poidan conciliar esta formación coa súa vida familiar”, indican dende este departamento municipal.
O curso terá unha duración de 25 horas, con sesións tanto teóricas coma prácticas. Estas últimas desenvolveranse nunha explotación avícola de posta ecolóxica e nunha empresa artesanal ecolóxica de aves e despezado, ambas ubicadas no municipio de Rois.
A parte práctica (de sete horas de duración) prevé unha visita a unha explotación avícola de posta ecolóxica, ubicada no municipio de Rois. A xornada final comprenderá unha sesión de tres horas de prácticas nunha empresa artesanal ecolóxica de conservas de aves e despezado, que también se ubica no concello de Rois.