A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez supervisou hoxe as obras de execución do novo colector e tanque de tormentas en Rianxo, unha actuación que ascende a 6,5 millóns de euros e que se enmarca na aposta que está a facer a Xunta para apoiar aos Concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais de saneamento e depuración.
https://www.youtube.com/watch?v=p1SLKL-M4x4
Trátase da execución dun novo colector interceptor de maior capacidade que o actual, duns 1.400 metros de lonxitude e dun tanque de tormentas soterrado, que permitirá regular o caudal que chega á depuradora almacenando, fundamentalmente nos días de choiva, as augas antes de ser bombeadas cara á depuradora, a través dun pozo de bombeo que se construirá contiguo ao tanque.
A conselleira avanzou que estas obras se verán completadas coa ampliación da estación depuradora de augas residuais, á que se destina un orzamento de 7,5 millóns.