O Concello de Lousame vén de iniciar a mellora de dous viarios no interior da aldea de San Xusto de Toxosoutos, nos que investirá algo máis de 40.000 euros. Trátase de dúas obras incluídas noutros tantos proxectos do Plan Único de Concellos “POS+2018” e que teñen un prazo de execución de 6 meses, se ben estarán rematadas este mesmo verán.
https://www.youtube.com/watch?v=iZo2XokBM_M
O primeiro en poñerse en marcha foi a mellora do acceso a San Xusto desde a estrada de Sabugueiro, onde esta semana xa se repararon as fochancas e se nivelou a estrada, traballos previos á mellora da capa de superficie con tratamento asfáltico semiprofundo. Os traballos terán lugar nun tramo de 140 metros e 5 metros de ancho, que gañará dous metros de ancho, un a cada lado. Ademais, contémplase a construción dunha cuneta de 40 metros revestida de formigón para o correcto drenaxe deste camiño.