A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, rematou hoxe as obras de construción da nova escola infantil de Porto do Son, situada na Rúa Campo Atalaia.
O investimento total para a construción e equipamento do novo centro superou os 450.000 euros. Xa rematada a construción, durante a próxima semana procederase a instalar o mobiliario e o material didáctico.
Cara á súa posta en funcionamento do novo servizo, que conta con 41 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, nos primeiros días de setembro contactarase coas familias para realizar entrevistas individuais e celebrarase unha xornada de portas abertas antes do comezo da actividade ordinaria.
Cabe destacar que ademáis do novo centro infantil de Porto do Son, en setembro tamén abrirá as súas portas unha nova escola infantil no Concello de Boiro, que tamén contará con 41 prazas.
Actualmente, a rede A Galiña azul oferta preto de 8.600 prazas públicas neste curso en toda Galicia, distribuídas nun total de 147 centros, unha cifra que supón máis de 3.100 prazas que as que existían en abril de 2009.