O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe o esforzo do Goberno galego por mellorar as capacidades do sector pesqueiro da Comunidade, mediante a dotación de novas infraestruturas e traballando por incrementar as cotas de captura. A ese respecto, apuntou que, entre 2012 e 2014 Galicia gañou máis de 30.000 toneladas que supuxeron un aumento da facturación de 324 millóns de euros, ao mesmo tempo que se elevou o prezo medio das especies nun 36%.
Durante a visita que esta mañá realizou ás novas instalacións da lonxa de Cedeira, o mandatario autonómico, puxo en valor o compromiso da Xunta cun sector “estratéxico” para a Autonomía, e avanzou a determinación a continuar a traballar para acadar o equilibrio entre os aspectos ambiental, económico e social da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola.
O titular da Xunta destacou que as novas instalacións están a propiciar “un espectacular incremento” das vendas desta lonxa, que se consolidou como a sétima de Galicia no que vai de ano e superou xa estes días a facturación en primeira venda de todo o ano 2013.
Desde a entrada en funcionamento do edificio renovado da lonxa de Cedeira, a segunda de Galicia en venda de percebe, sinalou, aumentaron tanto o volume de negocio como os ingresos para as arcas do pósito, de tal xeito que os rexistros acadados no que vai de 2014 son de preto de 1,5 millóns de quilos de peixes e mariscos, cun valor en primeira venda de case 5 millóns de euros.
http://youtu.be/jj-MKcSByrE