A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, presentou este mediodía a novena edición do Encontro de Bandas Concello de Lousame, que se celebrará o domingo 30 de agosto no campo da festa de San Roquiño. Na presentación estivo acompañada polo presidente da Asociación Cultural Prudencio Romo, Ángel Vilas; polo director da Banda de Música Municipal de Lousame, Fernando Froján; por Francisco Calvo, un dos músicos máis veteranos desta formación; e polo técnico de Cultura do Concello, Eduardo Agraso.
O Encontro comezará ás 18 horas e contará coa participación da Banda de Música de Arzúa, da Banda de Música Municipal de Caldas de Reis e da Banda Municipal de Música de Lousame. En total, 135 músicos para unha actuación conxunta que agarda máis dun milleiro de espectadores. O evento, unha das principais citas culturais do verán no municipio, realízase un ano máis como homenaxe á memoria de Prudencio Romo, compositor e intérprete falecido en 2007 e que, entre outros cometidos, exerceu como director musical do grupo Los Tamara.
A Banda Municipal de Música de Lousame presentouse no Día das Letras Galegas de 1996, despois de ano e medio de formación previa a través da Escola Municipal de Música. No seu momento, recolleu a tradición musical do concello, que historicamente tivo bandas en parroquias como Camboño e Tállara.
https://www.youtube.com/watch?v=eqzS_XQvvSU