A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o colexio Público Integrado (CPI) Cernadas de Castro, no concello de Lousame, para supervisar o avance das obras de mellora e acondicionamento que se están a levar a cabo por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Tamén se están a realizar traballos deste tipo nos colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Felipe de Castro, de Noia, e Santa Irene, de Porto do Son. O investimento total para todos os centros da comarca é de case 55.000 euros.
Do Campo percorreu as dependencias educativas acompañada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e pola directora do centro, Pilar Cobas. Neste colexio estase a reformar a cuberta do comedor para evitar filtracións e a reparar os canalóns do pavillón.
Pola súa parte, no centro de Noia os traballos que se están a levar a cabo consisten na reforma da fachada do edificio para paliar as deficiencias detectadas, mentres que en Porto do Son estase procedendo á reposición das canalizacións e baixantes defectuosas.
https://www.youtube.com/watch?v=HGzz0zVSa5Y