Ribeira celebrou o seu último día das festas de verán ao grande. As 21 bombas de palenque e as dianas e alboradas anunciaron o comezo do día.
Como valor engadido á celebración, disputouse entre o peirao comercial e a praia de Coroso a XXVI Bandeira da Deputación da Coruña, con victoria de Cabo de Cruz, que se impuxo cun tempo de 20’45 ás outras seis tripulacións participantes.
E hai que recordar que na tarde de onte tamén tivo lugar unha dos acontecementos máis agardados pola veciñanza como foi a misa solemne celebrada na lonxa na honra da Virxe do Carme e a posterior procesión marítimo-terrestre, na que se congregaron preto de 60 embarcacións e milleiros de participantes.
Como é tradición, lanzáronse ao mar tres coroas de flores: un acto simbólico no que tomaron parte entre outros a conselleira de Medio Rural e Mar, o alcalde Manuel Ruiz; Manuel Martínez, capitán marítimo de Vilagarcía; o patrón maior José Antonio Pérez Sieira; e o cura párroco de Santa Uxía, Cesáreo Canabal.
Esta mañá, como vén sendo tradicional, o consistorio local acolleu o acto de recepción das raíñas da flor que foron coroadas onte ademais de protagonizar un desfile de carrozas polas rúas da cidade.
Foi o alcalde Manuel Ruiz quen recibiu a estas pequenas, nun evento que serviu tamén para agasallar os mellores xardíns das nove parroquias do municipio.
Neste último senso, os responsables dos mellores xardíns foron Mª Carmen Álvarez Fernández (Riveira), Nuca Vidal Romay (Aguiño), Manola Casais Pena (Artes), Marcial Dasilva Estévez (Carreira), Manola Vidal Pérez (Palmeira), Mª Teresa Lijó Callón (Castiñeiras), Pacucha Blanco González (Olveira) e Jesús Paz Iglesias (Corrubedo).
Finalmente, como todos os anos as dezasete raíñas da flor e os xardineiros e damas da flor recibiron paquetes de lambetadas nun acontecemento que tamén contou coa intervención da presidenta da Asociación de Amas de Casa, Magdalena Bringas, e da concelleira de Medio Ambiente, Elvira Pereira.
https://www.youtube.com/watch?v=aadwmPDigwY