Un grupo de seis nadadores vai cruzar este sábado 25 xullo as augas da ría de Arousa entre O Grove e Riveira nunha iniciativa que, baixo a denominación de ArousaMan, ten por obxecto visualizar as doenzas relacionadas con danos cerebrais e a situación de dificultade que atravesan os pacientes e as súas familias.
A actividade foi presentada esta mañá na Casa Consistorial de Riveira nun acto que contou coa participación do riveirense Juan Ramón Martínez, promotor e organizador da iniciativa; Concha Otero e Rocío García, vicepresidenta e directora respectivamente da asociación Sarela (Asociación de Dano Cerebral de Compostela), e Sabela Pensado, campioa de triatlón en distancia olímpica, quen será unha das valentes que participen no reto. No nome do Concello compareceu o edil Víctor Reiriz.
O inspirador desta cita é Manolo Martínez, un irmán de Juan Ramón que padece danos cerebrais derivados dun neuronoma acústico. O propio Juan Ramón manifestou que se quixo buscar un evento deportivo que tivese unha especial dureza para tratar de simbolizar as dificultades que atravesan as familias e enfermos que son vítimas de danos cerebrais, así como para reclamar máis apoio das institucións.
Está previsto que os participantes partan en torno ás 8.30 horas de O Grove para percorrer os 13 quilómetros que separan ambas bandas da ría de Arousa. Cóntase coa colaboración entre outras entidades da Asociación Galega de Kayaks de Mar.
A chegada a Riveira está prevista para entre as 14 e as 14.30 horas. Farao na praia de Coroso .
Xunto a Sabela Pensado e ao propio Juan Ramón Martínez, os outros nadadores de AsousaMan serán José Hachero, Bruno Vázquez, Bernardo Sobrido e José Manuel Lorenzo.
https://www.youtube.com/watch?v=CTmD7kCBVcc