Os consumidores e o sector profesional do Mexillón de Galicia comparten a preocupación pola falta de transparencia na información alimentaria de moitos produtos transformados do mexillón porque ven menoscabados os seus dereitos e pola mala praxe na etiquetaxe.
O presidente do Consello Regulador Mexillón de Galicia, Francisco Alcalde García, e a presidenta de Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Ana Olveira Blanco, alcanzaron un acordo de colaboración entre ambas entidades, que vén de ser asinado esta mañá en Santiago de Compostela.
O acordo ten por obxecto reclamar unha etiquetaxe clara e veraz e divulgar entre a cidadanía os produtos galegos de calidade diferenciada, e máis concretamente a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia.
Paralelamente á firma do convenio, Mexillón de Galicia vén de lanzar un impactante spot de sensibilización para alertar os consumidores das etiquetas enganosas das conservas e para que saiban recoñecer a única marca que garante a orixe galega do mexillón, o selo da Denominación de Orixe Protexida.
https://www.youtube.com/watch?v=5o7awOTZvc8