O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a necesidade de reforzar a capacitación a todos os niveis da empresa como chave para impulsar a competitividade do tecido industrial galego. Durante a inauguración do foro organizado pola Xunta e a Asociación para el Progreso de la Dirección no marco do programa Capacita, Conde subliñou que para que Galicia sexa competitiva e ocupe unha boa posición nun mercado globalizado, se debe apostar máis que nunca por un elemento decisivo: o capital humano, o talento.
Neste senso, resaltou a aposta que fai pola especialización profesional a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que para aumentar o peso da industria no PIB ata o 20% e crear 50.000 empregos ata 2020, ten entre os seus eixos principais a capacitación do talento galego. Unha meta que se traduce no Programa Capacita, que busca ter profesionais a todos os niveis preparados para a Industria 4.0, mellorar a xestión empresarial con especial incidencia en postos directivos, e reforzar a formación en idiomas, especialmente en inglés, para incrementar as oportunidades das empresas galegas en novos mercados.