O presidente do Goberno galego, avanzou hoxe a aprobación por parte do Consello da Xunta da implantación do bono de alugueiro social para axuda ás persoas en situación de emerxencia social que non poidan facer fronte ao pago da renda de alugamento. Trátase dunha medida, dixo, que contará cun orzamento de 3,3 millóns de euros para garantir o custo do alugueiro de 750 vivendas anuais.
Segundo detallou ao termo da xuntanza do Consello, mediante este bono social, a Xunta concederá axudas para o pago do alugueiro de ata 4.050 euros, a dividir ao longo de dous anos, a familias afectadas por desafiuzamentos a causa do impagamento do alugueiro. De xeito máis concreto, engadiu, o importe desta axuda será de 150 euros, que poderán concederse como un bono mensual durante doce meses prorrogables por outros doce ás familias beneficiarias.
Ademais, explicou, poderanse conceder outros tres bonos nun só pagamento para facer fronte aos gastos derivados da formalización do novo contrato; en concreto, a constitución de fianza e a alta de subministracións. Desta maneira o número máximo de bonos a conceder a unha familia será de 27 nun período de 24 meses cun importe total máximo de 4.050 euros.
https://www.youtube.com/watch?v=QTgOAbjzZxo