O conselleiro de cultura chegou onte á comarca do Barbanza para facer entrega da certificación de calidade AENOR á Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Psíquica das Comarcas do Barbanza e Noia “AMICOS”. Na súa viaxe pola comarca aproveitou tamén para visitar as obras do Castro de Baroña, en Porto do Son.
Por unha banda o conselleiro salientou o importante traballo que desenvolve AMICOS no eido educativo, a favor da escolarización inclusiva do alumnado con este tipo de discapacidades. Neste sentido lembrou que se acaba de aprobar a sinatura dun convenio a través do cal a Consellería achegará máis de 66.000 euros a esta entidade para apoiar o servizo de transporte escolar adaptado que prestará o vindeiro curso a 18 alumnas e alumnos.
En Porto do Son Román visitou o Castro de Baroña onde o seu departamento inviste preto de 72.000 euros en obras de recuperación e posta en valor. Os traballos de campo, que remataron a mediados deste mes, permitiron obter novos datos sobre a historia do xacemento, un dos máis intensamente escavados de Galicia, ao tempo que constitúen unha garantía para a axeitada conservación deste castro, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia no ano 2011.
https://www.youtube.com/watch?v=CK0_ae02RMc