A delegada territorial da Xunta na Coruña presidiu hoxe a reunión da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais de cara ao comezo da campaña de verán, que se prolongará ata o vindeiro 30 de setembro. Na xuntanza estiveron presentes membros do departamento territorial de Medio Rural, da Policía Autonómica e Nacional e responsables da Garda Civil e do Exército.
Durante o encontro, presentáronse os distintos medios cos que se contará na loita contra o lume e avaliáronse os plans operativos na provincia e coincidiuse en levar a cabo unha actuación que cubra todas as frontes necesarias: detección, disuasión, investigación e extinción.
O dispositivo contra incendios estará formado polas brigadas autonómicas e municipais –un total de 62 repartidas en 48 concellos-, os parques de bombeiros, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e os novos Grupos Supranacionais de Emerxencias (GES).
A estes efectivos sumaranse os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Nacional e Autonómica e membros dos equipos de investigación. No total da comunidade, o dispositivo estará composto por 5.767 persoas do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, que se reforzará con persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos de Seguridade do Estado ata completar un operativo de máis de 7.000 efectivos. No tocante aos medios materiais, contarase con 32 medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que achega o Estado, 360 motobombas da Administración autonómica, dos concellos e dos parques de bombeiros adscritos ao plan.