Nais e pais dos alumnos de primaria do centro escolar Santa María do Castro de Boiro concentráronse esta mañá ás portas do colexo para reivindicar un préstamo universal e gratuíto dos libros de texto e criticar o modelo de bancos que acaba de crear a Consellería de Educación.
A medida anunciada pola Xunta xerou o rexeitamento das AMPA, os sindicatos e a oposición. Todos coinciden en reclamar a volta ao préstamo universal pero non en todas as reivindicacións. Por exemplo, mentres os representantes dos pais piden que non se cambien os libros de texto o próximo curso, os directores dos centros educativos insisten na necesidade de adaptar os manuais aos novos contidos da Lomce, xa que os outros están obsoletos
O próximo curso haberá en todos os colexios e institutos un fondo oficial con libros que se prestarán aos alumnos con menos recursos. Para iso antes do día 19 os alumnos que tiveron cheque escolar en terceiro e quinto de primaria, e segundo e cuarto da ESO, terán que entregar os seus manuais. Isto obriga aos centros a non cambialos, a pesar de que están adaptados á LOE na maioría dos casos e non á Lomce, a norma en vigor. Desde Educación explican que os centros poderán cambiar os libros de segundo, cuarto e sexto de primaria; así como primeiro e terceiro da ESO, pero non os outros, porque iso implicaría que os bancos quedarían baleiros.
No entanto, hai colexios que si solicitaron cambiar os manuais para adaptalos aos novos contidos, xa que aseguran que en moitos casos o ano pasado Inspección non lles deixou renovalos.
Pola súa banda o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, volveu defender o novo modelo de libros de texto que se implanta o próximo curso. Según el, o bxectivo fundamental é que as familias que máis o precisen teñan libros de texto.
https://www.youtube.com/watch?v=6FynPNWY6Z0