O Goberno galego destina un total de 3.979.799 euros a financiar os programas de atención sociosanitaria a persoas con trastornos adictivos que desenvolven as unidades asistenciais de drogodependencias dos concellos.
A tal efecto, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García Rodríguez, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a realización dos programas de atención e protección á saúde. No convenio participan Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Sanidade, o Sergas e a Fegamp.
Con este acordo, a Xunta garante o mantemento e a consolidación dos sistemas de axuda ao colectivo de persoas con problemas de drogodependencias. Este convenio subvenciona aos concellos de Galicia que contan cunha Unidade Asistencial de Drogodependencias (UADs), autorizada conforme a normativa vixente.