A baixada das temperaturas que se experimentou no día de onte non impediu que o remate da XVI edición da Regata Ramiro contara con centos de seguidores ao longo da ría e unha gran concentración de público nos portos de saída e de chegada. Foron ademais varias decenas de participantes os que asistiron á entrega de premios que tivo lugar no Club Náutico de Ribeira e foi presidida polo presidente de Frinsa, Ramiro Carregal Rey , e os dirixentes dos clubs náuticos de Ribeira e Portosín, José Luis Torres Colomer e Fernando González, respectivamente.
As embarcacións do Náutico de Portosín foron as grandes animadoras desta edición pois se fixeron cos primeiros postos nas tres clases: regata, regata-cruceiro e cruceiro. Tan só cederon na clasificación xeral, que lla levou o barco de Vilagarcía Corsario VIN.
Se ben é certo o bo tempo acompañou durante a xornada do sábado que arrincou cun trazado costeiro de case 25 millas desde Portosín ata Santa Uxía.
O Corsario VIN, patroneado por Javier Durán, do Club de Mar de Vilagarcía, adxudicouse o Gran Trofeo Faro de Corrubedo, a pesar de terminar segundo na súa clase, a regata. O gañador foi o portosinense Meissa, de José Manuel Pérez. O seu compañeiro de club, o Meigas Fóra, de José Codesido, subiu ao terceiro caixón do podio.
https://www.youtube.com/watch?v=P-m240RvLag