A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) da Xunta de Galicia presenta catro pautas que nos poden axudar a identificar a especie invasora da avespa velutina e facilitar aos servizos de intervención a planificación para a súa retirada.
Así, os técnicos da AXEGA insisten en que a observación do tamaño e cor do insecto, como tamén a forma e colocación do niño nos permitirá diferenciar a avespa invasora e colaborar cos equipos de intervención na obtención da información necesaria para optimizar a súa eliminación.
Por tanto, antes de proceder a pedir asistencia para a xestión da incidencia, será necesario obter, na medida do posible e sempre sen comprometer a seguridade, unha serie de datos de importancia para a identificación da especie, clasificación da incidencia e organización da actuación. Deste xeito, e mantendo sempre a distancia de seguridade de cinco metros do niño, debemos observar o tamaño do insecto, se é maior ca avespa autóctona; e a cor, se ten as patas amarelas e a cabeza e torax case negros.