No día de hoxe as arcas municipais recibiron unha importante inxección económica despois de que o Estado lle fixese entrega de boa parte dos cartos que aínda lle adeuda como consecuencia da execución do proxecto Riveira Atlántica 2015. Concretamente, o Concello recibiu hoxe un total de 2.792.000 euros pertencentes aos fondos FEDER comprometidos para a realización das actuacións que integran este plan.
Esta substanciosa inxección posibilitou reducir a débeda dende o 52,62% ata o 44,69%, coa previsión de concluír o ano cunha débeda de 39,14%.
A este respecto, cómpre lembrar que esta lexislatura principiou cun nivel de endebedamento do 54,62% (xuño de 2011) que dende entón foi sufrindo unha diminución progresiva, con dous picos puntuais, que tiveron que ver coa aprobación do proxecto Riveira Atlántica (59,88%) e coa realización dunha operación de tesourería ( 57,22%).