O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe o proxecto de acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira da Xunta co concello da Pobra do Caramiñal para a execución da terceira fase do saneamento na Ribeiriña, cuxa licitación está prevista para este verán.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, achega un importe de 213.090 euros para a execución destas actuacións hidráulicas. Cómpre lembrar que neste proxecto xa foron previstas dúas fases anteriores nas cales se investiron 1,3 millóns de euros. Unha primeira fase, cunha achega económica de máis de 648.000 euros, incluíu dous bombeos coas súas respectivas impulsións e tres tramos de colectores xerais de case 3 km de lonxitude; e unha segunda fase, cun investimento de máis de 653.000 euros, que supuxo a recollida de augas residuais dos núcleos da Ribeiriña e O Conchido e o seu transporte mediante colectores e impulsión ata o colector executado na primeira fase.