Xunta de Galicia

Feijóo destaca o superávit comercial de Galicia e ve en México un mercado no que crecer a través da innovación e da calidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por abrir novas vías de intercambio entre Galicia e México, un mercado no que crecer e expandir os sectores galegos a través da innovación e da calidade.
https://www.youtube.com/watch?v=ekK1M_Gue_w
Durante o foro de Oportunidades de Investimento en Galicia, celebrado hoxe en Cidade de México, Feijóo agradeceu a acollida e a disposición para abrir novas oportunidades. Ao respecto, aseverou que Galicia é unha Comunidade solvente, cunhas contas saneadas, a que menos incrementou a súa débeda na crise e que conta cun tecido empresarial que entende a necesidade de conquistar novos mercados como unha convicción.
“E México é sempre un destino acertado para as nosas empresas”, dixo, subliñando que máis dun centenar, están xa afincadas nel; e son moitas as que exportan os seus produtos a este país, que en 2017 foi o maior comprador de produtos galegos en toda Latinoamérica. Non en van, nos dous últimos anos as exportacións galegas a México creceron un 72%; e, mentres Que no 2000 eran 166 as empresas galegas que vendían ao mercado mexicano, agora, son 541 as que exportaron a este país.
Diante destas cifras, o presidente da Xunta trasladou o convencemento de que calquera proxecto que México e Galicia poidan pechar cara ao futuro, se sostén xa sobre unha sólida base.
Ao longo da súa intervención, Feijóo puxo en valor a capacidade da industria galega incidindo na súa propensión exportadora, como proba o feito de que por quinto ano consecutivo, a Comunidade volvese bater unha marca histórica superando a barreira dos 20.000 millóns de euros. E, segundo as últimas cifras, as exportacións galegas crecen o dobre que a media de España, un 5,1% en febreiro con respecto ao mesmo mes de 2017.
Así mesmo, referiuse á aposta que o tecido empresarial está a facer pola innovación para competir no mercado internacional. A industria galega como a Xunta estamos a poñer todos os esforzos en potenciar a innovación; é dicir, a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades”, explicou, engadindo que o obxectivo é establecer unha ponte entre os resultados da investigación científico-tecnolóxica e a industria para que iso se traduza en novos produtos e servizos que levar ao mercado.
Esta é a finalidade do Plan Galicia Innova 2020, que conta cun orzamento público-privado de 1.775 millóns de euros ou cunha axenda de investimentos que este bienio alcanza os 175 millóns, a Axenda Industria 4.0, para axudar ao conxunto de empresas galegas a dar o salto dixital.
O presidente da Xunta transmitiu ademais o interese por atraer investimentos a Galicia, subliñando que para iso, o Goberno galego elaborou unha lei aprobada polo Parlamento para que investir na Comunidade sexa máis fácil. “Para que aquelas empresas que queiran instalarse en calquera dos nosos polígonos industriais teñan: menos trabas administrativas e menos carga fiscal”.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.