O auditorio da Casa da Cultura de Lousame acollerá mañá xoves 3 de maio, ás 20:30 horas, unha charla informativa sobre a obriga de corta de arborado e rozas, que será impartida polo xefe do distrito forestal IV Barbanza. Unha iniciativa organizada polo Concello de Lousame e aberta á participación de toda a veciñanza do municipio.
A charla ten como obxectivo dar a coñecer as obrigas das persoas físicas e xurídicas responsables das parcelas incluídas nas faixas de especial protección de núcleos que, de acordo co establecido na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os lumes forestais de Galicia, teñen ata o 31 de maio para rozar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado; así como arredor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte (onde nos primeiros 50 metros non poderá haber nin piñeiros, nin eucaliptos nin acacias).
No caso de incumprimento destas responsabilidades, o Concello de Lousame podería proceder á notificación da súa obriga ás persoas responsables, advertíndolles da posibilidade de execución subsidiaria dos traballos en caso de incumprimento e sen que iso evite a apertura dun procedemento sancionador e a aplicación de multas por parte da Xunta de Galicia.




