Comeza o proceso selectivo en riveira para contratar tres técnicos para as oficinas de turismo e dez auxiliares de policía local

.- O Concello de Riveira informa do inicio do proceso de contratación temporal por unha parte de tres técnicos para a atención nas oficinas municipais de información turística e por outra de dez auxiliares de Policía Local.

Tal e como se recolle no Boletín Provincial de hoxe, en ambos casos o prazo para a presentación de solicitudes son 10 días naturais a partir desta publicación oficial e os interesados poderán descargar o modelo de instancia na páxina web do Concello (www.riveira.es / www.riveira.gal), que será presentado no Rexistro Xeral do Concello.

No caso dos técnicos para as oficinas turísticas, o proceso de selección será de oposición libre e prestarán o servizo entre o 15 de xuño e o 14 de setembro, ambos inclusive, de xeito coincidente coa tempada estival.

Entre outros requisitos, os aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos seguintes títulos: técnico superior en Información e Comercialización Turística, técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística, técnico en Empresas e Actividades Turísticas, ou grao ou diplomado en turismo ou equivalente homologado.

Polo que se refire aos auxiliares de Policía Local, o proceso tamén será de oposición libre. A duración do contrato será de catro meses contados a partir da súa sinatura. Cómpre estar en posesión do título de Graduado en ESO, Graduado Escolar ou equivalente e ter máis de 18 anos, entre outros requisitos.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.