O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe que unhas contas públicas saneadas que priorizan o gasto social e que fan fincapé na capacidade investidora, permitirán revisar –coa máxima prudencia- a previsión do crecemento da economía galega para este ano 2018.
Unha previsión que neste momento é do 2,5% e que a Xunta elevará en varias décimas.
Durante o acto de seguimento do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020 Tres anos do plan, Feijóo aseverou que o Executivo autonómico seguirá traballando, unindo esforzos, para acadar o obxectivo último deste plan: construír entre todos a Galicia que queremos. Unha Galicia que descansa sobre un estado do benestar sólido; unha Galicia máis moderna, onde a innovación e o capital humano se converten en parte indisociable dun mercado de traballo con máis e mellor emprego; e unha Galicia cohesionada tanto no eido social como no territorial.