O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Estratexia Retorna 2020 facilitará a volta de máis de 20.000 galegos do exterior. Conta cun conxunto de 50 iniciativas cun orzamento total de 235 millóns de euros. A contía estará dividida en 15 millóns de euros destinados a medidas específicas e 220 millóns para propostas transversais, que contarán con incentivos específicos para os retornados.
Entre os principais obxectivos da Estratexia Retorna 2020 están: incrementar nun 50% o número de retornados, promover o regreso de máis de 20.000 galegos e que o 60% dos que retornen (é dicir, un mínimo de 12.000 persoas) teñan menos de 45 anos.
En relación ás medidas específicas para os retornados, o titular da Xunta destacou a creación da Oficina integral de asesoramento e seguimento ao emigrante retornado, que contará cun conxunto de técnicos cualificados, cunha oficina virtual de atención ao retornado e cun teléfono de atención e asesoramento específico para os retornados.