Fai un mes, a Policía Local de Riveira reactivou unha campaña orientada a poñer coto ás malas prácticas dalgúns donos de cans que incumpren a normativa relativa a non recoller os excrementos dos seus animais na vía pública ou os deixan soltos pola mesma.
https://www.youtube.com/watch?v=x426e__SX_0
Dende o pasado 11 de marzo, foron denunciados un total de dez donos, dos cales catro denuncias foron por deixar as súas mascotas ceibes en vías públicas (unha delas, dunha raza considerada perigosa) e as seis restantes por non recoller as defeccións dos animais.
No primeiro dos supostos, os cans soltos estaban no casco urbano de Riveira (3) e en Castiñeiras (1), mentres que as denuncias por excrementos situáronse nas rúas Xoana Torres, Padre Sarmiento, Pedro Arias e o Monumento.
Conforme á nova Lei 4/2017 de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia, as sancións por estas condutas poden oscilar entre os 100 e os 500 euros se a persoa que as comete non é reincidente.
Ademais, cómpre informar de que hoxe mesmo foron denunciados os propietarios doutros dous cans por molestias por ladridos nocturnos despois de que foran requiridos previamente e fixeran caso omiso a ditos requirimentos (como consecuencia da aplicación da ordenanza de ruídos).