O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe a seguir apostando pola máxima calidade e a excelencia como marca dun sector turístico que conta con 273 establecementos coa distinción Q de calidade, máis do dobre que as 116 que se tiñan en 2007.
Logo de destacar que investir e mellorar a calidade é sempre a opción máis rendible, no curto, medio e longo prazo, Feijóo aseverou que non é casualidade que Galicia sexa a primeira comunidade de España por número destas distincións. Non en van, recordou que a profesionalización e o compromiso do sector, o impulso das administracións e a implicación colectiva fixeron posible que Galicia leve tres anos consecutivos batendo récords.
Ao respecto, subliñou que en 2017 por primeira vez se chegou a máis de 5,1 millóns de turistas; ás 10,6 millóns de noites e incrementouse un 8,6% o número de pernoitas de turistas internacionais.
Durante a entrega dos recoñecementos Q de Calidade Turística 2017, o presidente da Xunta aseverou que este acto pon de manifesto o camiño do sector cara á especialización. Así, a comunidade ten: o 64% das Q de calidade en instalacións náutico-deportivas; a metade das casas de turismo rural de España con este recoñecemento e un de cada catro balnearios.