A Consellería do Medio Rural investiu máis dun millón de euros nos traballos de recuperación dos terreos afectados por incendios forestais no concello de Porto do Son. Estes fondos permitiron actuar en 67,5 hectáreas con tratamentos sobre a erosión, con labores como o mulching e helimulching, a través do uso de palla.
Ademais, interveuse en arredor de 35.755 metros lineais arranxando pistas e facendo peches gandeiros e outras infraestruturas e retirouse madeira queimada noutras 96 hectáreas. As actuacións abrangueron máis de 163 hectáreas en total neste municipio coruñés.
Así o destacou a conselleira Ángeles Vázquez nunha visita, esta mañá, a zonas queimadas neste concello, onde destacou o traballo desenvolvido para restaurar e consolidar os terreos, frear a erosión, mellorar as infraestruturas, controlar os riscos hidrolóxicos erosivos, eliminar a madeira queimada e rexenerar a vexetación afectada.