O Concello de Lousame ampliará durante esta Semana Santa o horario de visitas ás minas de San Finx, que se verá incrementado en cinco horas e media: unha hora e media máis o mércores, xoves e venres; e media hora máis o sábado e domingo. Os novos horarios durante esta semana serán os seguintes: de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:30 horas. Así mesmo, haberá 5 visitas guiadas e gratuítas, sen necesidade de reservar praza, todos os días: ás 10:30, 11:30, 12:30, 17:30 e 18:30 horas.
Con esta ampliación de horarios, o Concello de Lousame quere facilitar a afluencia de visitantes aproveitando este tempo de vacacións. Unha afluencia que non deixou de medrar dende a incorporación dunha técnica de turismo e o novo horario de apertura do poboado mineiro. De feito, nos dous primeiros meses do ano xa suma 299 visitantes, fronte aos 210 rexistrados no primeiro trimestre de 2017.
A estas cifras haberá que sumar as do mes de marzo, que con visitas como a recibida o pasado venres 23 seguro que rexistrarán un forte incremento. E é que ese día o complexo mineiro de San Finx recibiu a visita de 150 alumnos e alumnas de Secundaria do colexio Jaime Balmes de Noia.
“Os rapaces e rapazas realizaron unha visita pola contorna do poboado mineiro de San Finx, unha visita guiada polo edificio de talleres e polo edificio de compresores, así como unha proxección sobre a historia das minas”, explica Mónica Garrido, técnica de turismo.