A Deputación da Coruña financiará, con 241.342 euros, a execución dun novo tramo do paseo do estuario do Río Coroño, no Concello de Boiro. Esta obra, que se inclúe dentro do Plan Único Adicional e vén de ser aprobada no pleno provincial do pasado venres, permitirá completar as actuacións realizadas polo Concello desde o ano 2016, mellorando así a posta en valor do espazo natural.
O novo itinerario peonil terá 390 metros de lonxitude e 2,50 metros de ancho, con pavimento natural de area e cemento similar ao executado nos outros tramos do paseo.
As obras para acondicionalo incluirán a retirada da vexetación, a execución dunha capa de zahorra natural de 15 centímetros e a aplicación de chan compactado composto de area lavada e cal hidráulica. Asemade, disporanse as medidas necesarias para garantir a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida.