O Concello de Riveira informa do roubo na pasada fin de semana dos postes en madeira de teca que sostiñan o gran panel divulgativo que sobre o Castro Cidá estaba disposto no acceso a este xacemento arqueolóxico dende Pedra da Ra.
Os ladróns foron quen de desmontar a estrutura para levarse os postes (a teca é unha madeira moi aprezada de gran resistencia e durabilidade), que tiñan dous metros de altura e dez centímetros de ancho por dez de longo. Estes estaban encastrados nuns pés de ferro sen tratar dispostos a modo de anclaxe e sostiñan un cartelón cunhas dimensións de dous metros de ancho por un de alto. Tanto os pés como o cartel están en bo estado.
Dende o Executivo se quere lamentar este furto. Non é a primeira vez que “amigos do alleo” rouban mobiliario público, actos que ao final redundan en detrimento das arcas municipais (e por tanto de todos os cidadáns de Riveira), ao tempo que no caso que nos ocupa tamén se incide negativamente na promoción e divulgación do noso patrimonio.
A intención do Concello é a de repoñer esta estrutura divulgativa, na que se dá cumprida información sobre o castro en tres idiomas (galego, castelán e inglés), ademais de incorporar un código QR conducente ao blog que os arqueólogos responsables da escavación elaboraron no transcurso dos traballos (castrodacida.esy.es).
Para finalizar, cómpre celebrar a elevada afluencia de visitantes que se quixeron achegar ao xacemento durante esta Semana Santa.
https://youtu.be/x7LihqIM3Oc